Xuntas pola vivenda e contra a especulación
A vivenda, un dereito básico, está a converterse nun luxo. Na Coruña, os alugueiros disparáronse nos últimos anos, expulsando as veciñas dos seus fogares mentres milleiros de vivendas permanecen baleiras ou destinadas a turismo.
Este proceso, impulsado por rendistas e fondos especulativos, agrávase pola pasividade das institucións. E son as persoas migrantes e outros colectivos vulnerables as que enfrontan aínda máis barreiras, legais e sociais, que lles impiden acceder a un fogar digno.
Abonda xa. Os nosos barrios non son mercancías.
Por que un sindicato de barrio?
Os especuladores queren tratarnos como individuos illados, pero xuntas somos máis fortes. O Sindicato é a nosa ferramenta de autoorganización: unha comunidade de loita e coidados que defende o dereito á vivenda e combate a precariedade. Sen líderes nin representantes, con apoio xurídico, autoformación e acción directa, unímonos para facer fronte aos abusos e protexernos entre as veciñas.
Quérennos en soidade, van ternos en común.
As nosas demandas
Esiximos:
- Regulación de alugueiros e contratos para protexer ás inquilinas.
- Fin dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional.
- Expropiación de vivendas baleiras e de grandes especuladores.
- Vivenda social para cubrir as necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade.
- Loita contra o racismo no acceso á vivenda.
Acción directa: as rúas son nosas
Non confiamos só nas leis. A nosa forza reside na mobilización: asembleas, campañas de visibilización e desobediencia civil para protexer a quen se enfronta a abusos e expulsións.
O Sindicato non só loita pola vivenda: combatemos todas as formas de precariedade que nos afogan, desde a pobreza enerxética até a falta de acceso a bens básicos. Porque o acceso a unha vivenda digna é o alicerce dunha vida con dereitos.
Hoxe dicimos basta. O Sindicato de Barrio da Falperra / Os Mallos está en pé, e facemos un chamado a todas as veciñas. Só xuntas seremos quen de transformar os nosos barrios e garantir un futuro digno para todas.
Organízate. Loita. Coida.